Monday 06 de May de 2024

O Concello de Ordes levará a cabo melloras na climatización da piscina Iván Raña


Ten previsto cambiar a deshumectadora actual por outra de alta eficiencia grazas á subvención de máis de 102.000 € concedida polo FEDER

O Concello de Ordes continúa co seu proxecto de mellora e eficiencia enerxética na piscina Iván Raña. Concretamente nesta ocasión centrarase na climatización da instalación substituíndo a deshumectadora actual por outra de alta eficiencia co fin de evitar o problema de condensación que se rexistra na zona do vaso. Un deficiente servizo derivado en gran medida polo escaso nivel de rendemento da maquinaria existente, cuxa antigüidade supera xa os 15 anos.

Para isto contarase, tal e como se lle notificou ao Concello recentemente, coa subvención de 102.256 € do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020 (B.O.E. núm. 144, de 17 de xuño de 2017). Unha aportación dirixida a proxectos de ámbito local que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. En dito programa tamén se inclúen ao Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía e ao Ministerio para a Transformación Ecolóxica. Deste xeito cubrirase con gran parte do custo total desta intervención cuxo importe total ascende a preto de 128.000 €.

Deste xeito o Concello segue adiante coa reforma integral da que é unha das instalacións deportivas máis importantes do municipio, a cal conta con máis de 1.700 persoas abonadas. Entre outras intervencións a día de hoxe substituíronse as caldeiras antigas por outras de alimentación automática de biomasa; illáronse os condutos e baterías de climatización ao longo de todo o seu percorrido, incluíndo os dos vestiarios; tamén se colocaron plaquetas e sistemas antiesvarantes en distintos puntos.